Índice Representación gráfica dos números:
Números fraccionarios.
Análise

Representación dos números fraccionarios.
Unha fracción positiva chámase propia se o numerador é menor que o denominador. O seu cociente é un número comprendido entre 0 e 1.

Por exemplo, 2/3 e 3/4 son fraccións propias.

Unha fracción positiva é impropia se, pola contra, o numerador é maior ou igual que o denominador. O seu cociente é maior ou igual que 1.

Por exemplo, 5/3 e 9/4 son fraccións impropias.

Se queremos representar o número 3/4, por ser unha fracción propia, o seu representante na recta será un punto comprendido entre 0 e 1. Dividimos o segmento unidade en catro partes e tomamos 3, contando dende o 0.

4. Representa o número 3/4 no teu caderno. Para dividir o segmento unidade en catro partes iguais realiza as seguintes operacións co cartabón, a escuadra e o compás:
  • Debuxa un segmento horizontal. Sinala o extremo esquerdo co número 0 e o dereito co 1. Ese será o noso segmento unidade.
  • Traza dende o 0 unha semirrecta calquera que non sexa horizontal.
  • Co compás, marcamos nesa semirrecta, dende o 0, catro medidas iguais.
  • Cunha regra trazamos o segmento que une a última marca do compás na semirrecta co punto 1.
  • Utilizando o cartabón e a escuadra, trazamos paralelas a ese segmento que pasen polas outras tres marcas do compás.

Os puntos de corte deses segmentos no segmento unidade dividen este en catro partes iguais.

Modifica coas flechitas os valores do numerador e do denominador.

Observa na escena o debuxo tal como debe quedarche no caderno.

Repite o exercicio e debuxa os números 4/5, 5/6 e 2/7.

Comproba na escena que o teu debuxo é correcto.

Se a fracción é impropia, sempre se pode descompoñer en suma dun número enteiro máis unha fracción propia.

Por exemplo,

13/5 = 2 + 3/5,

onde 2 é o cociente enteiro da división de 13 entre 5 e 3, o resto.

Así, o número 13/5 será un punto comprendido entre o 2 e o 3. Para representar o número 13/5 deberemos representar o número 3/5 no segmento [2,3], é dicir, dividir o segmento [2,3] en 5 partes e tomar 3 dende o punto 2.

5. Representa no teu caderno o número 13/5 seguindo as indicacións anteriores. Comproba logo o teu debuxo comparándoo coa escena seguinte.
Modifica coas flechitas os valores do numerador e do denominador.

Observa na escena o debuxo tal como debe quedarche no caderno.

Representa tambien os números 10/3, 13/2, 17/5 e 9/4.

Comproba os teus resultados na escena adxunta.


Volver ao índice Atrás adiante
Fernando Arias Fernández-Pérez       Traducción ao galego: Pedro A. Pazos García
© Ministerio de Educación e Ciencia. Ano 2001