Para saber máis

O mestre Euclides.
Euclides
está considerado por moitos como o primeiro gran matemático da historia. O motivo? Ser o primeiro en organizar un discurso matemático, partindo de case nada, e utilizando de xeito estrito o razoamento matemático, método científico que caracteriza de xeito esencial á matemática fronte a outras disciplinas científicas. A súa gran achega é un libro organizado en trece tomos, coñecido como "Elementos de Xeometría", no que, partindo de ideas fundamentais como as de punto , recta, superficie e ángulo, establece os seus famosos cinco postulados. Con esta pequena maleta de ferramentas, construíu un enorme edificio no que foi capaz de recoller case todos os coñecementos xeométricos existentes ata os nosos días. Todo o que sabemos acerca de ángulos e rectas, figuras planas como triángulos e circunferencias, paralelismo e perpendicularidade, áreas e moitísimo máis foi completamente terminado por el.

E todo isto ata o século XIX, no que algúns grandes nomes da matemática moderna puideron ampliar o horizonte que marcara Euclides. Para iso eliminaron o coñecido 5º postulado de Euclides, coñecido tamén como "Postulado das paralelas" e atopáronse de súpeto con mundos xeométricos completamente novos, nos que as rectas paralelas pódense atopar, ou no que a suma dos ángulos dun triángulo pode ser distinta de 180º.

Moitas persoas sentíronse mareadas ante estes novos e estraños mundos, ata que, pasado algún tempo, nos fomos dando conta de que nalgúns casos, estes raros mundos seméllanse máis ao noso do que parece.

Se desexas máis información, podes buscar os nomes de Riemann, Lobatchevski, Bolyai ou Gauss, responsables en gran parte da evolución da xeometría cara novos horizontes que gardan unha relación directa coas máis modernas teorías sobre a orixe do Universo.

anterior